A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transfírelle a competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, sen prexuízo da competencia estatal sobre seguridade pública, de acordo co artigo 149 da Constitución española.
O Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, recolle o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de espectáculos públicos.
Por Decreto 336/1996, do 13 de setembro, a comunidade autónoma asume as funcións e servizos transferidos en materia de espectáculos públicos, e procede a asignarlle as citadas funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que actualmente son desenvolvidas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co previsto no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.
O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG nº 24, do 5 de febreiro), establece no seu artigo 6.1 que, para desenvolver a función de control de acceso, deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, logo da obtención do certificado acreditativo de ter superado as probas previstas no artigo 5 da norma mencionada, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.
En virtude das competencias que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e a súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, e pola Lei 12/2007, do 27 de xullo,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Aprobación das bases xerais.
Apróbanse as bases xerais das probas para a obtención da habilitación recollida no artigo 6 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.
Artigo 2º.-Convocatoria.
1. A convocatoria das probas para a obtención da habilitación realizarase mediante resolución do director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública (en adiante Agasp).
2. Publicarase no Diario Oficial de Galicia, polo menos, unha convocatoria anual.
Artigo 3º.-Requisitos de participación.
1. Poderán participar nas probas aquelas persoas que pretendan realizar a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.
2. Para ser admitidos/as á realización das probas, os/as aspirantes, deberán posuír, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes prevista en cada convocatoria, os seguintes requisitos exixidos polo artigo 5 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas:
a) Ser maior de idade.
b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea, ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.
c) Carecer de antecedentes penais.
d) Ter coñecementos básicos das linguas oficiais de Galicia para poder atender ao público en calquera delas.
3. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos públicos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario deberase aboar previamente, en concepto de participación nas probas para a obtención do certificado de profesionalidade, o importe da taxa que estea vixente no momento de presentación da solicitude, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación das taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia. Para o ingreso da taxa empregarase o impreso de autoliquidación sinalado no anexo IV, no cal aparece o seu importe. Este impreso facilitaráselles aos/as interesados/as no Rexistro Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas delegacións provinciais e na Academia Galega de Seguridade Pública, e debe cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo IV.
Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento de xeito telemático. Para isto, deberán acceder á Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) en «Servizos de acceso libre», seleccionando «Taxas, prezos, multas e sancións» no menú da esquerda, premendo na ligazón «Pago telemático de taxas e prezos». Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente imprimirase o xustificante de ter aboada taxa, que será o que se presente xunto coa instancia.
Gozarán da exención desta taxa:
-Os/as aspirantes que figuren inscritos como desempregados nas oficinas de emprego, debendo xuntar a súa solicitude, certificado emitido polos servizos públicos de emprego sobre a súa condición de demandantes de emprego.
-Os/as aspirantes que teñan unha discapacidade en grado igual ou superior ao 33%, debendo xuntar á súa solicitude certificado acreditativo de tal condición.
4. Estes requisitos deberán ser acreditados no momento da presentación da solicitude.
Artigo 4º.-Solicitudes.
1. Todos/as os/as aspirantes que desexen realizar as probas, deberán presentar solicitude debidamente cuberta axustada ao modelo oficial que se publica no anexo I desta orde e que lles será facilitada nas dependencias da Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra). Tamén poderán obter a solicitude a través da páxina web da Agasp http:/Agasp.xunta.es/, na epígrafe «actividades formativas», «cursos con inscrición aberta».
2. Xunto co modelo normalizado de solicitude os/as aspirantes deberán presentar a seguinte documentación:
-Fotocopia compulsada do DNI do solicitante, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia. Os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar fotocopia compulsada do documento que acredite a súa nacionalidade e, no suposto de non pertencer a Unión Europea, tarxeta de residencia e permiso de traballo en vigor.
-Certificado de antecedentes penais, expedido polo Ministerio de Xustiza.
-Fotocopia compulsada do curso de iniciación, perfeccionamento ou equivalentes de coñecemento básico da lingua galega. Os aspirantes que acrediten documentalmente este coñecemento quedarán exentos da realización da proba consistente na tradución dun texto do galego ao castelán, que se realizará xuntamente coa proba de coñecemento.
-Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.
-Dúas fotografías tamaño carné de identidade.
As solicitudes poderán presentarse nos seguintes lugares:
a) No rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).
b) No Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela).
c) En calquera dos lugares e formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria correspondente no DOG.
4. A presentación da solicitude polo/a aspirante implica a aceptación destas bases xerais e das específicas de cada convocatoria.
Artigo 5º.-Admisión de aspirantes.
1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o/a titular da Dirección Xeral da Agasp ditará resolución, que publicará no Diario Oficial de Galicia, na cal se declarará aprobada a relación provisoria de admitidos/as e excluídos/as, indicando a causa ou motivo da exclusión, no prazo máximo dun mes contado desde a expiración do prazo de presentación de solicitudes.
2. Os/as aspirantes que figuren na relación provisional como excluídos, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados a partir da publicación de tal resolución, co fin de emendar, se é o caso, as deficiencias que motivaron a súa exclusión, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. Contra a resolución da Dirección Xeral da Agasp que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, poderá interpoñerse recurso administrativo nos termos previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 6º.-Tribunal cualificador.
1. O tribunal que cualificará estas probas será o que se nomee en cada convocatoria pola Dirección Xeral da Agasp, e estará composto por un número impar de membros con coñecementos nas materias obxecto das probas, non inferior a cinco e non superior a nove, entre os que se designará un presidente e un secretario.
2. O réxime xurídico aplicable ao tribunal cualificador será o que se establece para os órganos colexiados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais lexislación que lle sexa aplicable.
3. Os membros do tribunal deberanse abster de formar parte del, cando concorra calquera das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os/as aspirantes poderán instar a recusación de calquera membro do tribunal cando concorra algunha das ditas circunstancias de acordo co previsto no artigo 29 da citada lei.
4. O/A presidente/a poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non estar incurso en ningunha das causas de abstención previstas polo artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta declaración poderá ser requirida, de ser o caso, aos asesores especialistas e ao persoal auxiliar que o tribunal incorpore ao seu traballo.
5. O tribunal quedará constituído coa asistencia do/a presidente/a e o/a secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúan, e a metade, polo menos, dos/as seus/súas membros. Nesta sesión, o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas.
6. Para os efectos de realizacións de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificadas no punto anterior. O/A secretario/a, como membro do tribunal, terá voz e voto.
7. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas, limitándose o seu labor a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. Así mesmo, cando o numero de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar da Agasp a designación de persoal colaborador.
8. O tribunal resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas bases, e demais normativa aplicable, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os órganos colexiados.
9. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede nas dependencias da Agasp asignadas para tal fin.
Artigo 7º.-Contido das probas.
Para obter o certificado acreditativo, será necesario superar as seguintes probas que se realizaran na mesma sesión:
1. Proba de coñecementos. A primeira das probas consistirá en contestar a un cuestionario de cincuenta (50) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva, que versarán sobre as materias relacionadas coas funcións propias da súa actividade, consonte o programa que figura como anexo II estas bases.
Para cada cuestión, proporanse catro respostas alternativas, sendo só unha delas a correcta. Cada resposta errónea penalizarase descontando un terzo do valor asignado a unha contestación correcta.
Na mesma proba, realizarase un exercicio de tradución dun texto do galego ao castelán, como cumprimento do requisito de coñecementos básicos dos idiomas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá carácter voluntario para todos/as aqueles/as aspirantes, que coa solicitude xa entregasen a documentación precisa para comprobar os ditos coñecementos.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de sesenta (60) minutos.
2. Proba psicolóxica. Finalizada a proba de coñecementos, e na mesma sesión, terá lugar a segunda proba, consistente na realización dun test psicolóxico.
O tempo para a realización desta proba será o estritamente necesario para o seu desenvolvemento.
Artigo 8º.-Desenvolvemento das probas.
1. Establécese como lugar de realización destas probas a sede da Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra). A concreta data e hora de realización das probas será obxecto de publicación no DOG e na páxina web da Agasp http:/Agasp.xunta.es/. A actuación dos/as aspirantes terá lugar por orde alfabética e estes haberán de acudir ás probas portando o DNI, pasaporte ou o permiso de residencia e traballo en España.
2. Os/as aspirantes serán convocados/as para cada exercicio nos chamamentos que estableza o tribunal cualificador, e decaerán no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forzar maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.
3. En calquera momento, os/as membros do tribunal cualificador poderán requirir os/as aspirantes que acrediten a súa identidade.
Artigo 9º.-Cualificación das probas.
1. Cada unha das probas cualificarase como apto ou non apto. Para obter a habilitación deberá obterse a cualificación de apto nas dúas probas.
Artigo 10º.-Lista de aspirantes declarados/as aptos/as.
1. Concluídas as probas, o tribunal fará públicas e elevará á Dirección Xeral da Agasp as relacións dos/as aspirantes declarados/as aptos/as.
2. A Dirección Xeral da Agasp elevará á dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos, a listaxe definitiva dos/as aspirantes declarados/as aptos/as e procederá á súa publicación no DOG, no taboleiro de anuncios da Agasp e na páxina web da Agasp http:/Agasp.xunta.es/.
Artigo 11º.-Habilitación do persoal de control de acceso.
1. No prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao que se fixese pública no DOG a relación definitiva dos/as aspirantes que superaron as probas, os/as aspirantes incluídos/as nela deberán presentar na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior unha solicitude axustada ao modelo oficial que figura como anexo III desta orde, xunto co xustificante de ter aboada a correspondente taxa, para que lle sexa expedida a habilitación prevista no artigo 6 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, necesaria para desenvolver a función de control de acceso, xunto co distintivo que os identifique e acredite como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2010.
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza
AQUÍ