PROPOSICIÓNS NON DE LEI APROBADAS NO PLENO DO PARLAMENTO DE GALICIA

8 de xuño de 2010

3. Proposicións non de lei ante o Pleno

3.3 08/PNP-0548 (32747)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia - Román Rodríguez González, Pedro Manuel Arias Veira, Natalia Barros Sánchez, María Yolanda Díaz Lugilde, Ignacio Javier López-Chaves Castro e María Soledad Piñeiro Martínez

Sobre o desenvolvemento da normativa necesaria para a racionalización dos títulos universitarios de grao e de máster

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a que afronte a racionalización dos títulos de grao e de máster, a través do desenvolvemento da normativa necesaria”.

3.4 08/PNP-0564 (33223)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia - José Manuel Balseiro Orol

Sobre a creación dunha comisión non permanente de estudo da sinistralidade e mellora da seguridade marítima de Galicia na estrutura do Consello Galego de Pesca

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1.- Desenvolver as xestións que se estimen oportunas de tal xeito que a estrutura do Consello Galego da Pesca inclúa a creación dunha Comisión non permanente de estudio da siniestralidade e mellora da seguridade marítima de Galicia

2.- Desenvolver regulamentariamente o artigo 95 da Lei 11/2008, do 2 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, coa finalidade de incorporar a seguridade marítima, a mellora das condicións laborais a bordo e a formación e a cualificación das tripulacións en materia de seguridade, ás funcións do Consello Galego de Pesca.

3.- Da comisión deben formar parte, polo menos os axentes económicos e sociais do sector pesqueiro e marisqueiro; as administración competentes en materia de pesca, traballo e sanidade; organismos, centros de estudo, colexios profesionais, especialistas e calquera outro que teña experiencia contrastada en temas relativos á seguridade das embarcacións, dos tripulantes e calquera dos aspectos que contribúan a evitar a sinestralidade e os accidentes do mar”.

3.6 08/PNP-0592 (35281)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia.

Sobre as actuacións para levar a cabo co fin de trasladar a factoría de Ence fóra da ría de Pontevedra, así como a retirada da planta de biomasa solicitada por ese grupo empresarial da relación de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa seleccionados na Resolución do 30 de abril de 2010

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1.- Impulsar unha solución concertada con todos os axentes implicados, que leve a factoría de Ence fóra da Ría de Pontevedra antes do ano 2018 e o peche do ciclo produtivo do papel no noso país. Para isto a Xunta de Galicia deberá:

- Demandar da empresa un Plan Industrial concertado destinado a diminuír os efectos económicos e laborais do traslado en Pontevedra e a súa Ría.

- Retomar as conversas coa empresa para atopar unha nova ubicación respectuosa co medio ambiente en Galicia, fóra da Ría de Pontevedra, para desenvolver a actividade industrial.

- Incentivar novos proxectos empresariais que permitan pechar o ciclo produtivo do papel en Galicia, o que permitirá aumentar o valor engadido deste sector.

- Impedir calquera tipo de instalación de carácter complementario vinculado ao complexo Ence, co obxecto de impedir a consolidación de dito complexo.

- Modificar no Plan de Ordenación do Litoral a área na que está incluído o complexo Ence – Elnosa en Lourizán, integrando este complexo na área de protección costeira que lle corresponde.

2.- Que estando pendente a resolución definitiva do procedemento de autorización da planta de biomasa solicitada polo grupo empresarial Ence en Lourizán – Pontevedra e dada a inviabilidade económica deste proxecto por querer ubicalo en terreos de dominio público cuxa concesión remata no ano 2018, a Xunta de Galicia faga os trámites oportunos, de acordo coa lexislación vixente, para impedir a toma en consideración final deste proxecto".

No hay comentarios:

Publicar un comentario