Traballo deixa un centro de menores en mans privadas
O obxectivo deste concerto é “favorecer o pleno desenvolvemento de todas as facetas da súa personalidade –en relación aos mozos– nun ambiente o máis parecido ao ámbito familiar”, segundo sinala a Secretaría Xeral da Consellería de Traballo nos pregos do concerto. Así, as actividades que deberá desenvolver a empresa beneficiaria serán dar acollemento en réxime de día aos menores “en situación de desprotección social, desamparo, risco ou marxinalidade”, potenciar “os vínculos existentes entre o menor e a súa familia” ou “desenvolver habilidades e destrezas sociais”.
Este servizo contará cunha capacidade máxima de vinte prazas, reportando cada unha delas un prezo máximo de 45,15 euros por día á empresa que resulte beneficiaria deste contrato. Deste xeito, o orzamento máximo para esta iniciativa ascende ata os 329.955 euros ao ano.
As previsións da Xunta estiman nun ano a duración do contrato, que tería como fin o 31 de decembro de 2011. No entanto, os prazos marcados polo concurso, de carácter urxente, impiden que a formalización deste contrato teña lugar na primeira quincena de xaneiro.
A pesar do carácter anual desta iniciativa de Traballo, a consellería permite unha prórroga do contrato de ata tres anos, polo que xa sitúa o orzamento da xestión deste centro en 1,22 millóns de euros ata 2014. Non obstante, o prego de condicións administrativas deste contrato deixa patente que o prezo deste servizo poderá ser revisado á hora de ampliar a concesión, cunha variación do importe de ata o 85%. Neste sentido, a privatización deste servizo de tutela podería chegar ata os 610.416 euros ao ano.
Con esta dotación de fondos, Traballo estipula unhas prestacións mínimas que a empresa debe manter ante os mozos, que en ningún caso poderán superar os 17 anos de idade. A adxudicataria deberá atender aos menores durante todo o ano “incluíndo fins de semana e vacacións en horario de atención mínimo de oito da mañá a oito da tarde”.
A Xunta esixe a pensión alimenticia completa, composta por “almorzo, comida, merenda e cea, incluíndo guarnicións, ademais dun zume de froitas ao día”. As comidas principais contarán ademais de primeiro, segundo, bebida, pan e sobremesa e deberán atenderse as necesidades especiais dos mozos en relación a alerxias, alimentos sen glute, hipocalóricos ou en relación a outras cuestións como os “imperativos relixiosos”.
A empresa deberá encargarse tamén de que cada menor dispoña “como mínimo de cinco mudas de roupa e tres pares de calzado”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario